sábado, 18 de febrero de 2012

Declaración del Partido de los Trabajadores de Irán: "Sobre las sanciones criminales, inhumanas, militaristas e ilegales contra Irán"


publicada por Forxa! (colectivo comunista gallego):

O 23 de xaneiro de 2012, os ministros de Exteriores dos Estados imperialistas da Unión Europea decidiron en Bruxelas ampliar as sancións económicas contra Irán, sancionando ao Banco Central de Irán e conxelando os activos dos iranianos que viven en Europa. Co gallo de inflixiren un grave dano á economía de Irán, decidiron impoñer un embargo á exportación de petróleo iraniano a Europa.

Impoñer bloqueos económicos e causar fame en Irán son actos ilegais internacionalmente e crimes contra a humanidade. Os imperialistas queren impoñer as súas sinistras, ladroas e dominantes intencións sobre Irán e o seu “eixe do mal”, a crearen outro Iraq e unha segunda Franxa de Gaza. Castigando a Irán, os países imperialistas queren dar unha lección aos países non aliñados e os que non se someteren os seus ditados.

No pasado, os imperialistas tentaban xustificar os seus crimes mediante a adopción de resolucións ilegais no Consello de Seguridade da ONU. Mais hoxe impoñen sancións contra Iran sen ningunha autorización da ONU. As sancións son complots dunha banda de saqueadores internacionais contra un Estado membro da ONU e son contrarias á Carta da ONU. As sancións dos EUA e da UE contra Irán carecen que base legal no ámbito internacional. Os EUA impoñen aos países do mundo as decisións tomadas no seu Congreso e pretenden facer crer que son tomadas pola comunidade internacional. As accións ilegais e as intimidacións contra Irán demostran o carácter hexemónico e  natureza despótica do imperialismo dos EUA.

O ministro de Exteriores ruso, Sergei Lawrow, declarou que «as accións unilaterais non serven para nada», engadindo que non existía ningunha razón para tomar decisión a maiores da decisión colectiva do Consello de Seguridade da ONU. O viceministro de Exteriores do goberno racista de Israel, Danny Ajalon, afirmou nunha entrevista de prensa que «Esas sancións reduciron a ameaza da guerra». A saír da reunión en que tomaron medidas ameazantes e militaristas contra Irán, a Sra. Catherine Ashton, responsábel das relacións internacionais dos EUA, e o ministro de Exteriores de Suecia, o Sr. Carl Bidlt, afirmaron que o cerne do seu traballo era facer un chamamento á diplomacia e á negociación!

As potencias imperialistas menten descaradamente cando afirman que recoñecen o dereito legal e indiscutíbel de Irán para enriquecer uranio. A realidade é que eles teñen o monopolio na produción de enerxía nuclear. O recoñecemento do dereito de Irán a producir enerxía nuclear racharía ese monopolio imperialista. Nunha guerra psicolóxica fraudulenta, as principais potencias advirten o mundo da bomba nuclear iraniana, mais non revelaron ningún documento que demostre a existencia de tal bomba. O ministro de Exteriores alemán, Guido Weserwelle, afirmou cinicamente que: «Non podemos aceptar que Iran desenvolva armamento nuclear» e que «Isto non é só un problema seguridade rexional, senón que afecta á seguridade mundial». Vaites! A inexistente bomba nuclear iraniana ameaza a seguridade do planeta enteiro, máis moitos centos de coñecidas ou secretas cabezas nucleares nas mans de estadounidenses, ingleses, franceses e militaristas israelís, non son nin perigosas para a seguridade mundial! Seica, hai bombas atómicas boas e más! Os argumentos dados polos representantes das potencias imperialistas son feroces, ameazantes e repugnantes.

A historia das sancións económicas mostra que a xente común dos países que padecen estas sancións é a máis afectada por elas. En Irán, a inflación medra rapidamente, a escaseza de equipamento médicos e medicinas xa se empeza a sentir, e este ataque golpea especialmente aos pacientes con problemas de corazón, xa que as empresas que subministran os equipos necesarios, por mor das sancións estadounidenses, non poden exportaren os seus produtos a Irán. Isto non é un problemas para as potencias imperialistas. Ao presidente estadounidense Obama e aos seus aliados iranianos non lles importa que millóns de persoas sexan sacrificadas na guerra. Para alén, as sancións a Irán subministran unha escusa ás autoridades da República Islámica para aumentar a represión sobre as forzas antiimperialistas e democráticas do país.

As potencias imperialistas pensan que de as súas sancións causaren unha fame en Irán, daquela o pobo se levantará e instalará un réxime monicreque do Occidente. Trátase dun erro de cálculo, pois a historia de Irán amosa que o pobo iraniano sempre rexeitou a submisión ás forzas aliadas das potencias imperialistas estranxeiras. As masas iranianas non teñen outro sentimento que o noxo e odio cara a traizón, os espías e aqueles que levan a cabo operacións terroristas en Irán.

A realidade é que as accións imperialistas contra Irán non son para acabar coa bomba nuclear iraniana, de esta existir. Irán ten unha posición xeopolítica estratéxica na zona do Medio Oriente, e ocupa o centro das entrelazadas contradicións mundiais. Controlar Irán é controlar unha rexión estratéxica por completo, rexión con enormes recursos enerxéticos que os EUA desexan saquear durante décadas. O Estreito de Ormuz é unha válvula para a exportación de petróleo ás catro esquinas do mundo. Os imperialistas estadounidenses desexan ter o control desta válvula de petróleo. A presenza das forzas estadounidense na rexión é un perigo para a seguridade mundial e unha ameaza concreta para a seguridade do Medio Oriente. A propaganda verbo da bomba atómica iraniana, a bomba que non existe, é a xustificación para a agresión contra Irán e para a dominación da rexión, e a capitulación da República Islámica ás demandas imperialistas non vai cambiar a natureza imperialista e os seus obxectivos de dominación.

O Partido do Traballo de Irán (Toufan) coida que as sancións económicas contra Irán repercuten nas masas e son inhumanas. Sinalamos os imperialistas, particularmente aos imperialistas estadounidenses, como responsábeis do sufrimento e miseria que estas sancións provocarán. As sancións contra Irán son ilegais, militaristas e inxustificábeis. O noso Partido condena enerxicamente as sancións, os embargos e as ameazas imperialistas contra as masas iranianas. Coidamos que todo progresista, amante da humanidade e patriota iraniano debe posicionarse contra as sancións e contra as ameazas militaristas do imperialismo-sionismo, e debe trazar unha liña divisoria para separar os inimigos do pobo.

O réxime da República Islámica de Irán é un réxime capitalista mafioso e reaccionario. O réxime de Irán perdeu toda a súa lexitimidade, e a inmensa maioría das masas iranianas están desgustados co réxime. A tarefa de derroca este réxime criminal recae nas masas iranianas. O cambio de réxime polas forzas invasoras imperialistas terá o obxectivo de colonizar o país e saquear os recursos da nación. As potencias imperialistas nunca apoiaron e nunca apoiarán as forzas amantes da liberdade e da democracia en ningunha parte do mundo. As conversas sobre a liberdade e os dereitos humanos non son máis que cortinas de fume para agocharen as súas accións criminais, e Iraq, Libia, Iugoslavia, Afganistán... son testemuñas disto. Levan escrita na face a palabra hipocrisía.